Saturday 18 de May de 2024

A segunda edición de ‘Hospitaleiros no Camiño’ acolle a 14 voluntarios americanos


É unha iniciativa impulsada polo Xacobeo e pola American Pilgrims of the Camino para mellorar a acollida aos peregrinos e a experiencia xacobea

A segunda edición do programa “Hospitaleiros no Camiño” vén de poñerse en marcha no albergue coruñés de Ribadiso (Arzúa), que recibirá este verán a un total de 14 voluntarios encargados de acoller con hospitalidade aos peregrinos.

A iniciativa está impulsada polo Xacobeo e pola American Pilgrims of the Camino, a asociación estadounidense de amigos do Camiño, e é o segundo ano consecutivo que se organiza a actividade, despois do éxito acadado na pasada tempada.

Os voluntarios desenvolverán os seus servizos ata finais do mes de setembro, prestando a súa colaboración aos albergueiros en canto a incrementar a hospitalidade que se ofrece aos peregrinos que se aloxen en Ribadiso, un punto emblemático do Camiño Francés.

Non se trata de realizar funcións de mantemento do albergue, senón de que os participantes se relacionen cos peregrinos que van chegando para compartir vivencias e inquedanzas coa finalidade de mellorar a acollida, a calidade da experiencia xacobea e fortalecer a dimensión multinacional do Camiño.

Rede Pública de Albergues
A Rede Pública de Albergues está constituída na actualidade por 69 establecementos con máis de 3.000 prazas de aloxamento ao longo dos diversos itinerarios do Camiño de Santiago. A creación desta rede materializa a solidariedade e hospitalidade xacobea.